[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 22 DE OUTUBRO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Recursos humanos e formación

Páxina [1] 2 3
RECURSOS HUMANOS E FORMACIÓN 

Presentación

A Función Pública local constitúe o medio imprescindible para que as administracións locais poidan cumprir os fins que lles atribúen as leis. A súa importancia foi recoñecida na propia Carta Autonómica Local, en cuxo artigo 6.2 dispón que “O Estatuto de persoal das entidades locais debe permitir unha selección de calidade fundamentada nos principios de mérito e de capacidade; a este fin debe reunir condicións adecuadas de formación, remuneración e perspectivas de carreiras”.

Os cadros de empregados son o capital que teñen as entidades locais para facer efectivas as demandas dos cidadáns. Desde os grandes concellos e deputacións provinciais, con miles de empregados, ata o máis pequeno concello da provincia, o persoal é instrumento insubstituíble para realizaren os servizos e pór en práctica os programas do goberno local.

Isto fai que a xestión dos recursos humanos sexa unha das tarefas máis complexas e importantes de calquera tipo de organización, e da que non escapan organizacións locais coma esta Deputación Provincial de Pontevedra. Organización na que a xestión se encontra dificultada pola complexidade da normativa reguladora; un corpo extenso de normas, agravada polo xogo de competencias atribuídas tanto á lexislación estatal coma á supletoria ou complementaria e, para maior complicación, á autonómica. Ademais, a complexidade da xestión acentúase pola diversidade de corpos, escalas e subescalas que conforman o mapa do persoal local, no que os funcionarios de carreira conviven co persoal laboral –nas súas diferentes modalidades-, ou eventual, e os funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Nestes últimos anos a Deputación Provincial foi adquirindo novas competencias, equipamentos e tecnoloxías e mellorando o seu financiamento, creou novos servizos e organismos especializados. A pesar disto, a súa forma de razoamento e actuación en materia de persoal continúa, en parte, fiel ó vello modelo burocrático formalista, e que son lacras herdadas a falta de conciencia de custos e resultados, o excesivo apego a unha cultura xurídica que desincentiva a asunción de riscos e responsabilidades e a lentitude para executar con eficacia o mandato político dos órganos electos.

Con todo, como a inmensa maioría das entidades locais, esta Deputación Provincial non se resigna a aceptar esta realidade e son constantes os desexos e intentos destinados a profesionalizar o persoal, capacitándoo para anticiparse ós problemas e adaptalo ós cambios rápidos dun contorno cada vez máis complexo.

Pensamos que se contribuímos a unha mellor xestión do persoal público estamos contribuíndo a facer real un mellor servizo público e, polo tanto, prestándolle un servizo á Administración e, en definitiva, á sociedade.

Sensible con esta filosofía e tendo en conta que os cidadáns demandan cada vez en maior medida a prestación de servizos en termos de calidade, axilidade e eficacia, o Servizo de Recursos Humanos e Formación elabora anualmente un plan de formación continua dirixido no só ó persoal da Deputación Provincial senón tamén ó persoal de todos os concellos da provincia que se adheriron a este, coa finalidade de mellorar a competencia e cualificación profesional dos distintos empregados públicos, contando para isto coa colaboración do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), a Escola para as Administracións Públicas Caixanova, a Academia Galega de Seguridade, o Centro de Estudos Locais de Galicia (CELGA) e a Escola Galega de Administración Local (EGAP).

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 30/05/2011 15:58
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/