[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
DOMINGO, 26 DE MAIO DE 2013 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es

 

O Museo incorpora á súa colección tres obras de gran formato da autoría de Castelao e un retrato de Quiroga que foron depositadas pola Real Academia Galega de forma permanente e indefinida



DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Gabinete de Comunicación

20 XUÑO 2012


O Museo de Pontevedra acaba de incorporar á súa colección de Castelao tres obras de gran formato da autoría do escritor, pintor, debuxante, médico e político Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao e un retrato de Manuel Quiroga. Esta incorporación foi posible grazas a un convenio de colaboración establecido entre a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega (RAG) que accedeu a depositar estas obras de forma indefinida e permanente neste centro cultural.

Precisamente hoxe o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín visitou hoxe o Museo acompañado pola deputada provincial, Ana Isabel Vázquez Reboredo e polo director Carlos Valle. Segundo afirmou a visita tiña “un dobre carácter”, por unha banda “porque sempre é motivo de pracer achegarme ás coleccións do Museo de Pontevedra, que como dixo un día Sánchez Cantón “non será o mellor Museo do mundo, nin o máis grande, pero é absolutamente distinto a todos".

Por outro lado, dixo Ferrín “veño de forma oficial como presidente da Real Academia para ver como quedaron admirablemente ben instalados os cadros de Castelao e o retrato de Manuel Quiroga, o noso grande músico, que son propiedade da academia e están depositados no Museo de Pontevedra”.

Ferrín considerou que “estas obras deben concentrarse aquí posto que este é o sitio natural de Quiroga como pontevedrés eximio, e no caso dos cadros de Castelao tamén porque era pontevedrés de adopción, foi deputado por Pontevedra, e viviu nesta cidade os mellores e máis felices anos da súa vida”. Ademais, recordou que na decisión de depositar os cadros no Museo se tivo moi en conta o feito de que “Castelao foi un dos fundadores do Museo de Pontevedra” e estivo presente nese tránsito histórico da Sociedade Arqueolóxica ó Museo de Pontevedra.

A deputada provincial, Ana Vázquez, manifestou o agradecemento da Deputación e da cidade á Real Academia “por este depósito e polo seu carácter permanente” e certificou a intención da Deputación de “establecer máis colaboracións con esta institución que se irán materializando e propoñendo a medida que vaiamos avanzando no proceso de musealización”.

Vázquez recordou que “hoxe foi a primeira vez que se viron no Museo, despois dun longo e laborioso proceso de restauración, as tres obras de gran formato de Castelao” e manifestou o seu convencemento de que “esta sala será unha das máis visitadas do Museo”. Comentou, asemade, que o retrato de Quiroga será exposto nunha sala que levará o nome do músico pontevedrés.

Con respecto ó proceso de musealización aseverou que “é un traballo laborioso no que está traballando todo o persoal do Museo” e informou de que a sala máis avanzada é a de Castelao, situada no segundo andar, quedando pendentes de distintas accións a primeira planta e a terceira. Non obstante, a responsable da Deputación calculou que “para finais de ano estará rematado todo o edificio”.


Consolidación da colección Castelao

Os cadros da RAG forman parte dun tríptico da serie de cegos e son tres óleos de grandes dimensións que Castelao doara ao Balneario de Mondariz en torno a 1915, tras operarse e recuperarse dun episodio de cegueira.

Despois de diferentes vicisitudes, as pezas pasaron a formar parte dos fondos da Real Academia Galega, que decidiu cedelas ao Museo, onde se atopa unha boa parte da obra do autor.

As obras teñen unha gran relevancia para o Museo, tanto porque contribúen a consolidar este centro como referencia para todos os amantes e investigadores da figura e obra de Castelao, como polas propias características das pezas: pertencentes á primeira época do autor e por ser pezas de gran formato nun autor que traballaba habitualmente con tamaños máis reducidos.

Para o director do Museo, Carlos Valle “este depósito é a culminación das coleccións que posúe o Museo de Castelao, xa que o Museo tiña todo o que practicamente de interese podiamos ter pero faltaban obras de gran formato porque, explicou “Castelao ese tipo de obras produciunas ata o ano 17, canto pinta “Tentación de Colombina", e a partir de aí o artista reformula os seus principios como artista e acaba facendo do seu labor plástico un instrumento máis ó servizo da súa ideoloxía política”, afirmou Valle quen tamén explicou que “é nese momento, anos 17, 18 cando Castelao comeza a conformar o álbum “Nós” que se presenta por primeira vez en 1920 aínda que se publicou once anos máis tarde, en 1931”.


Historia da colección

A colección Castelao do Museo iniciouna o propio artista –que foi un dos seus cofundadores e membro do Padroado- en 1931 co depósito de once obras que, posteriormente, lle serían adquiridas á súa viúva, Virgina Pereira, quen, trala súa morte, legou tamén varios orixinais que estaban no seu poder.

Na actualidade, a colección supera xa as 1.600 pezas e intégrase pola inmensa maioría da súa produción plástica: desde obras dos primeiros tempos da súa andaina artística, ata conxuntos de excepcional relevancia, como, por exemplo, os orixinais dos seus Álbumes de Guerra (“Atila en Galicia”, “Galicia Mártir” e “Milicianos”), a serie “Debuxos de Negros”, que realizou en Cuba ó longo da súa estadía na illa no ano 1938 ou as ilustracións empregadas na obra “As Cruces de pedra na Galiza”.

Gárdanse tamén no Arquivo Documental da institución excepcionais manuscritos de Castelao, como o seu “Ideario Político”, “Sempre en Galicia”, ou o diario que o longo de 1921 escribiu durante a viaxe que realizou por Francia, Bélxica e Alemaña. Polo que respecta á Biblioteca da Deputación, nela consérvanse numerosas primeiras edicións da súa produción literaria así como a propia biblioteca do artista.


Catágolo web

A deputada provincial Ana Vázquez recordou finalmente que a Deputación pretende que o Museo sexa algo máis que un contedor de obras e, neste senso, recordou que existe o catálogo que se pode visitar a través da páxina web do Museo ( www.museo.depo.es ), que pon á disposición directa de todos os cidadáns toda a obra plástica de Castelao custodiada no Museo de Pontevedra.

“Este catálogo”, apuntou “é un instrumento fundamental e imprescindible para todos aqueles que, dende calquera parte do mundo se acheguen á obra de Castelao por curiosidade ou investigación. Nel, a través de sinxelas buscas se pode contemplar ó detalle cada unha das súas pezas grazas ó sistema de reprodución fotográfica.



BUSCAR NAS NOVAS
MAIO 2013
LMMXVSD
12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031
 HOXE 

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 20/06/2012 18:17
Copyright © 2002-2013, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/