|
Presentación do libro “O Real Club Náutico. Cen anos de historia de Vigo” na sede social do Club Náutico de Vigo
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA Patrimonio Documental e Bibliográfico 19 FEBREIRO 2008
O mércores 20 de febreiro, ás 20.00 horas, presentarase na sede social do Club Náutico de Vigo o libro “O Real Club Náutico. Cen anos de historia de Vigo”, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación de Pontevedra.
Á presentación asistirá a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra Corina Porro Martínez, o presidente do Real Club Náutico de Vigo, Franco Cobas González, o autor, José Gómez Alén, e o presentador do libro, Antonio Bernárdez de Dios.
Con motivo da celebración do centenario do Real Club Náutico de Vigo publícase este libro, que pretende recuperar a historia da institución deportiva e social máis emblemática da cidade.
O libro reconstrúe as orixes do club e as diferentes etapas da súa evolución. Tamén recolle a situación delicada pola que atravesou a entidade nalgunhas fases da súa historia, o que orixinou momentos de debate interno e de crise institucional e financeira.
Outro aspecto destacado neste traballo é o relativo ás actividades sociais e deportivas que forman parte do fin da entidade, que ten no ámbito náutico a súa razón de ser, así como os principais logros acadados polos seus deportistas.
Esta publicación constitúe, en definitiva, unha primeira incursión na traxectoria do Náutico vigués, e pon de manifesto a súa importancia dentro da histórica contemporánea de Vigo. Pretende ser, así mesmo, unha homenaxe a directivos, socios e tamén colaboradores, que permitiron que o Real Club Náutico de Vigo siga a ser un referente deportivo e social da cidade olívica.
|