|
Vías Atlánticas divide en catro etapas de 25 quilómetros o percorrido da Vía XIX ó seu paso pola provincia de Pontevedra
Louzán asina un convenio de máis de 100.000 euros con 12 alcaldes para a limpeza, sinalización e intervencións arqueolóxicas nesta ruta
DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA Gabinete de Comunicación 26 SETEMBRO 2006
O Proxecto Vías Atlánticas dividirá en catro etapas o tramo da Vía Romana XIX ó seu paso pola provincia de Pontevedra. Con esta iniciativa pretenderase fraccionar o tramo, que en total suma 112 quilómetros, en treitos dunha media de 25 quilómetros, aproximadamente, de xeito que poidan ser percorridas nun só día.
A primeira etapa, de 38 quilómetros, será entre Tui e Redondela e ó seu paso por Rebordáns, Porriño e Antas, entre outros lugares. A segunda ruta descorrerá entre Redondela e Pontevedra, nun treito de 26 quilómetros e pasando por lugares como O Viso, Pontesampaio, Canicouva e Bértola. A terceira etapa, de 22 quilómetros, unirá Pontevedra e Caldas de Reis, pasando por lugares como San Mauro e Briallos. Finalmente, a cuarta e última etapa, de 26 quilómetros, discorrerá entre os municipios de Caldas de Reis e Pontecesures, pasando polos lugares de Carracedo e Ponte Valga.
Este mesmo sistema utilízase noutras rutas, como por exemplo no propio Camiño de Santiago, dividido en etapas con diferentes distancias quilométricas, dependendo do punto de partida escollido. No caso da Vía Romana XIX, a Deputación de Pontevedra prevé asemade sinalar o treito con diferentes tipos de sinalizacións e mesas interpretativas. Do mesmo xeito, ten prevista a elaboración de guías sobre as diferentes etapas, indicando e os lugares de interese. Neste senso, tal e como destacou o director do proxecto, Antonio Torrón, “o feito de que a vía coincida co percorrido do camiño de Santiago portugués nalgúns puntos favorecerá a difusión turística do treito”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, afirmou hoxe que “no caso particular de Vías Atlánticas, a Deputación de Pontevedra apostou de forma decidida por este importante proxecto pola grande importancia que supón a recuperación do noso legado histórico e patrimonial”. Neste senso, tamén considerou que “coa recuperación da calzada romana como roteiro turístico-cultural de carácter transnacional de longo percorrido, pretendemos unificar os valores culturais que son compartidos polos países veciños de España e Portugal por medio desta importante vía de comunicación que unía as cidades de Brácara Augusta (actual Braga) e Lucus Augusti (actual Lugo)” .
Finalmente, compre recordar que o Proxecto Vías Atlánticas ten como finalidade xeral a delimitación e recuperación da Vía Romana XIX, que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Lucus Augusti (Lugo). Tamén a creación dun sendeiro turístico homologado de longo recorrido; a creación e promoción dunha oferta turística específica e, finalmente, o fomento da cooperación e colaboración entre entidades españolas e portuguesas.
CONVENIO
O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, asinou hoxe un convenio de colaboración con 12 alcaldes da provincia, co obxecto de recuperar, limpar e sinalizar tramos da Vía Romana XIX ó seu paso por estas localidades. Concretamente, o titular do organismo provincial asinou os convenios co alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández; co de Porriño, Raúl Francés; coa de Mos, María Xesús Escudeiro; co de Redondela, Xaime Rey; co de Soutomaior, Agustín Reguera; co de Vilaboa, Luís Poceiro; co de Pontevedra, Miguel Fernández Lores; co de Barro, Antonio Landín; co alcalde de Portas, Roberto Vázquez; co de Caldas, José María Tobío; co de Valga, José María Bello; e, finalmente, co rexedor de Pontecesures, Luís Álvarez Angueira. ( Ó acto non puideron asistir o alcalde de Barro e a alcaldesa de Mos).
Este acordo de colaboración está enmarcado no proxecto de Interreg III-A Vías Atlánticas co obxecto de desenvolver as seguintes accións: a limpeza dos tramos “Pedra Picada” (San Salvador de Lérez- Pontevedra) e “Lombo da Maceira” (Barro-Pontevedra) cunha inversión de 30.000 euros; a sinalización da ruta empregando catro tipos diferentes de sinais, cunha inversión de 62.610,00 euros. (En principio deseñáranse tres tipos de sinalizacións, non obstante incluíuse unha nova co obxecto de mellorar o coñecemento da vía). En total instalaranse 100 sinais: nove mesas interpretativas; 33 sinais direccionais en granito; 30 sinais de dirección máis pequenas en granito; e, finalmente, 28 sinais urbanas en bronce e, por último, intervencións arqueolóxicas no miliario de Santiaguiño de Antas (Mos), no “posible” miliario en San Martiño de Salcedo (Pontevedra), e no lugar de Lombo da Maceira (Barro) cunha inversión de 12.000 euros.
As contratacións e o financiamento das actuacións serán asumidas pola Deputación de Pontevedra, mentres que os concellos serán os encargados de facilitar as respectivas autorizacións e permisos, ademais de comprometerse a asumir o mantemento en boas condicións das accións realizadas durante un prazo de dous anos dende a entrada en vigor do convenio
| | | |  | FEBREIRO 2010 |  |
| L | M | M | X | V | S | D |
| 1 | 2 | 3 | 4 | 5 | 6 | 7 |
| 8 | 9 | 10 | 11 | 12 | 13 | 14 |
| 15 | 16 | 17 | 18 | 19 | 20 | 21 |
| 22 | 23 | 24 | 25 | 26 | 27 | 28 |
|