[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 29 DE ABRIL DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Acción Social

ACCIÓN SOCIAL 

Deputación de Pontevedra

SUBVENCIÓNS DIRIXIDAS ÁS ENTIDADES DE INICIATIVA SOCIAL NO MARCO DA PRESTACIÓN DE SERVIZOS SOCIAIS DE ATENCIÓN ESPECIALIZADA ANO 2013

Anuncio | Solicitude | Declaración
Acreditación do cargo | Conta xustificativa

ANUNCIO

A Xunta de Goberno desta Excma. Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria do día 18 de xaneiro de 2013, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Segundo a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no artigo 2 defínense os servizos sociais como un conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos marcados nesta lei. Así mesmo, os poderes públicos fomentarán, no ámbito dos servizos sociais, o desenvolvemento de actuacións solidarias por parte de entidades de iniciativa social, sempre que se axusten ós requisitos de autorización, calidade e complementariedade establecidos na citada lei.

Un dos niveis de atención nos que se estrutura o sistema de servizos sociais é o da atención especializada, referida a un sector da poboación ou a unha necesidade determinada que demanda unha maior especialización técnica, unha especial intensidade na intervención ou unha base territorial de intervención de carácter supramunicipal.

Tendo en conta o anteriormente exposto, ó amparo da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións; da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e do Decreto 291/1995, de 3 de novembro, relativo ó rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais, a Deputación de Pontevedra, para darlles un maior apoio ás entidades de iniciativa social que prestan servizos sociais especializados, convoca a liña de subvencións de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS

PRIMEIRA. OBXECTO
Constitúe o obxecto destas bases a regulación da convocatoria pública, por parte da Deputación, para a tramitación e a concesión de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social que realicen proxectos ou actividades de prestación de servizos sociais na provincia de Pontevedra.

SEGUNDA. DESTINATARIOS
Poderán obter subvención como beneficiarias as entidades de iniciativa social legalmente constituídas que realicen de xeito habitual actividades de prestación de servizos sociais e que teñan razón social na provincia de Pontevedra, que cumpran todos e cada un dos seguintes requisitos:

  • A prestación diríxase a calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias de servizos sociais; primaranse aqueles colectivos de persoas que por razóns obxectivas de índole económica, de saúde ou pola concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade da poboación e precisen dun tratamento específico para o acceso ó goce pleno dos dereitos de contido económico, laboral e social recoñecidos no ordenamento xurídico.
  • Os servizos serán prestados de xeito altruísta e desinteresado, sen ánimo de lucro.
  • As entidades de iniciativa social deberán estar legalmente constituídas e rexistradas, con anterioridade á data de finalización do prazo de solicitude, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.
  • Non poderán incorrer en ningún dos casos de prohibición para recibir subvencións previstos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións de 2003.
  • No caso de centros ou servizos sociais especializados será requisito imprescindible dispoñer da correspondente autorización da Xunta para a súa creación e/ou inicio de actividades con anterioridade á data de finalización do prazo de solicitude, se é o caso.
  • As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias esixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  • No suposto de recibir con anterioridade subvencións desta Deputación non deberán existir incumprimentos das obrigas derivadas da súa concesión.
  • Deberán facer constar de forma visible en toda a publicidade relativa á actividade subvencionada a colaboración da Deputación de Pontevedra, segundo as instrucións do departamento de Imaxe Corporativa da Deputación (imaxe@depo.es).

Non serán obxecto desta convocatoria as asociacións de maiores, de mulleres, de veciños, culturais ou empresariais, entre outras, xa que teñen a súa propia convocatoria de axudas e non reúnen o perfil das bases aquí presentadas.

TERCEIRA. ACCIÓNS E GASTOS PARA SUBVENCIONAR
Ademais dos proxectos de servizos sociais que van desenvolver as entidades de iniciativa social convócanse unhas bolsas de axuda para contribuír a paliar os gastos correntes das actividades que teñen continuidade durante todo o ano.

CUARTA. FINANCIAMENTO
A contía prevista para esta convocatoria de subvencións, con cargo á aplicación 13/232.233.480.02 do orzamento xeral da Deputación para o ano 2013, ascende a trescentos setenta mil (370.000,00) euros, que representa o máximo de obrigas que se pode adquirir con cargo a esta convocatoria, mentres non se amplíe o crédito da aplicación.

* As subvencións concedidas para proxectos de servizos sociais poderán ter unha contía máxima de ata seis mil (6.000,00) euros.

A determinación da contía de cada subvención será establecida pola Xunta de Goberno tras a proposta previa da comisión de valoración, de acordo cos criterios establecidos na base sétima.

Como regra xeral, o importe máximo da subvención para cada proxecto non poderá exceder do 70% do seu orzamento. En casos excepcionais, tendo en conta a necesidade e o interese deste, poderá concederse ata o 100% do custo total.

*As bolsas de axuda terán unha cantidade fixa, mil (1.000,00) euros, salvo que a xustificación dos gastos sexa por un importe inferior, o cal repercutirá no importe da subvención. Para optar a estas bolsas de axuda será preciso presentar unha memoria na que se demostre a actividade diaria e continuada da entidade, e achegarase unha relación de participantes. Tamén será obrigatorio ter persoal contratado, polo menos, durante un período de 6 meses durante o exercicio 2013; para isto será preciso presentar o contrato de traballo e, no seu momento, as nóminas e o impreso TC2 da persoa ou persoas contratadas para o desenvolvemento de tarefas propias da entidade á que presta os seus servizos. Os gastos de persoal non serán computables para a xustificación das bolsas de axuda.

QUINTA. SOLICITUDES E DOCUMENTACIÓN
As entidades de iniciativa social poderán presentar unha única solicitude; optarán á subvención de proxectos de servizos sociais ou á bolsa de axuda.

As solicitudes formalizaranse nos modelos normalizados que se facilitarán no rexistro xeral da Deputación, no Servizo de Servizos Sociais e Promoción do Emprego ou na páxina web da Deputación: www.depo.es; achegarán, ademais, a seguinte documentación:

  • Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal da entidade
  • Fotocopia cotexada do DNI do representante legal
  • Memoria explicativa do proxecto que vai realizar, asinado polo representante
  • Orzamento do proxecto, concreto e detallado
  • Declaración na que conste que non se solicitaron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade obxecto de subvención
  • Declaración de que a entidade non está incursa en causas de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas ou subvencións públicas e de aceptar as bases da convocatoria
  • Certificación ou declaración responsable de estar ó corrente nas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria e coa Seguridade Social
  • Declaración do número de socios da entidade
  • Certificación orixinal dos datos bancarios, ou ben copia cotexada, co nome da entidade peticionaria

As entidades poderán autorizar a Deputación para solicitar as certificacións de estar ó corrente das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social.

Se a solicitude non reunise os datos esixidos ou calquera dos previstos no art. 70 da Lei 30/92, de 26 de novembro, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días hábiles emende as faltas ou presente os documentos preceptivos, indicándolle que, en caso de non o facer, se terá por desistido e arquivarase sen máis trámites.

SEXTA. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN
As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Deputación:

  • Sede de Pontevedra: avda. Montero Ríos, s/n (de luns a sábado)
  • Sede de Vigo: rúa Oporto, 3 (de luns a venres)
  • Ou tal e como establece o art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

SÉTIMA. VALORACIÓN E CONCESIÓN DE PROXECTOS DE SERVIZOS SOCIAIS
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, e teranse en conta os seguintes criterios:

  1. Tipoloxía das necesidades atendidas polo proxecto; priorizaranse aqueles encamiñados á atención de carácter básico e terase en conta, ademais, o déficit de proxectos análogos no ámbito territorial de actuación da entidade solicitante, ata 25 puntos
  2. Adecuación das actividades de servizos sociais ás necesidades e demandas dos usuarios da provincia, ata 25 puntos
  3. Repercusión do proxecto: ámbito local, municipal ou provincial, ata 15 puntos
  4. Número de persoas que participa e se beneficia do proxecto, ata 15 puntos
  5. Esforzo da entidade promotora en termos de porcentaxe de autofinanciamento do proxecto, ata 15 puntos
  6. Número de socios da asociación, ata 5 puntos

O conxunto das axudas recibidas en ningún caso poderá superar o 100% do custo da actividade que desenvolva o beneficiario.

A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes información ou documentación adicional que teña unha relevancia fundamental e unha relación directa para unha mellor avaliación da solicitude. Así mesmo, poderá excluír da valoración as entidades que, de conformidade coa documentación presentada, sexan motivadamente cualificadas como tecnicamente insolventes ou soliciten axudas para a realización de proxectos de actividades inviables ou economicamente non xustificados.

OITAVA. PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DOS PROXECTOS
A instrución do procedemento de concesión de subvencións correspóndelle ó Servizo de Servizos Sociais e Promoción do Emprego, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, de conformidade co previsto no art. 24 da Lei xeral de subvencións.

As solicitudes de subvención para cada un dos proxectos serán avaliadas, conforme ós criterios sinalados anteriormente, pola comisión de valoración, órgano colexiado composto por:

  • Presidente: a deputada, presidenta da Comisión Informativa de Servizos Sociais e Promoción de Emprego
  • Vogais:
    • O director do Centro Príncipe Felipe ou funcionario en quen delegue
    • A técnico responsable do programa
  • Secretario: un funcionario, sen voto, do Servizo de Servizos Sociais e Promoción de Emprego

A comisión de valoración poderá:

  1. Acadar cantos informes estime necesarios para resolver
  2. Emitir un informe respecto das solicitudes de subvención

O procedemento ordinario de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva. Non obstante, ó longo do exercicio orzamentario poderanse resolver as solicitudes que, por circunstancias novas ou por causas imprevisibles e excepcionais, non se puidesen presentar no prazo sinalado, reservándose para estes efectos a Presidencia ata un 20% do crédito total destes proxectos para a súa concesión directa, tal e como se establece na base 25.2ª das de execución do vixente orzamento provincial.

As propostas de concesión de subvencións someteranse á aprobación do órgano competente.

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ó previsto no art. 58 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución do procedemento notificaráselles ós interesados conforme ó previsto no art. 58 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Transcorridos seis meses, a partir do día seguinte ó que remate o prazo de presentación da solicitude, sen que se lles notifique a resolución lexitima ós interesados considerarase desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de subvención.

NOVENA. MODIFICACIÓN DA RESOLUCIÓN
Tal como establece o art. 64 do Regulamento da Lei xeral de subvencións (R. d. 887/2006, de 21 de xullo), unha vez notificada a resolución de concesión, despois da solicitude razoada, o beneficiario da subvención poderá solicitar a modificación do seu contido sempre que se manteña a finalidade da subvención, que se poderá autorizar sempre que non se danen dereitos de terceiros.

Esta solicitude de modificación deberá presentarse no prazo dun mes desde a notificación da concesión e será obxecto de resolución da Presidencia, logo da proposta previa da comisión avaliadora que deberá ter en conta as seguintes circunstancias:

  • Se o orzamento da nova actividade é superior ou igual ó orzamento subvencionado inicial, manteranse as condicións da subvención concedida: o importe da subvención e o orzamento subvencionado.
  • Se o orzamento da nova actividade é inferior ó orzamento subvencionado inicial, a comisión avaliadora, logo do informe previo do Servizo de Servizos Sociais e Promoción do Emprego, deberá determinar o novo importe da subvención e o novo orzamento subvencionado, que serán inferiores ós inicialmente establecidos.

DÉCIMA. XUSTIFICACIÓN
Unha vez notificada a aprobación das axudas concedidas e realizada a actividade ou o investimento os beneficiarios deberán xustificalas antes do 31 de marzo de 2014.

Os gastos xustificados deberán axustarse ós conceptos establecidos no orzamento. Para cobrar a subvención as entidades deberán presentar a seguinte documentación:

  1. Facturas ou documentos análogos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo polo importe da subvención concedida, indicando en cada factura o número de unidades, os prezos unitarios destas e o custo total de cada unha.
  2. Conta xustificativa dos gastos, na que se determinará o custo ou o gasto total da finalidade subvencionada detallando as facturas ou documentos con valor probatorio no ámbito mercantil e administrativo, na que se poña de manifesto que os gastos que figuran na conta xustificativa se aplicaron á finalidade para a que foi concedida a axuda, indicando que o resto dos xustificantes da conta se encontran no domicilio da entidade beneficiaria a disposición da Deputación para o seu exame, tal e como se establece na base 25.8ª.2.c das de execución do vixente orzamento provincial.
  3. Os gastos xustificados deberán axustarse no posible ós conceptos incluídos no orzamento inicial, non aboándose máis que o importe xustificado co límite da subvención concedida.
  4. Declaración de non recibir outras subvencións de administracións públicas ou entidades privadas para a finalidade subvencionada ou, no seu caso, detalle do financiamento obtido e declaración responsable de que os ingresos non superan o custo da finalidade subvencionada.
  5. Para cobrar a axuda concedida as entidades deberán estar ó corrente das súas obrigas fiscais coa Axencia Estatal Tributaria, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra, situación que determinará de oficio a propia Deputación a través do Servizo de Intervención.
  6. Memoria xustificativa do cumprimento das condicións establecidas na solicitude de subvención, con indicación das actividades ou investimentos realizados e dos resultados obtidos debidamente asinada.
  7. Acreditar a debida divulgación do financiamento, por parte da Deputación, da actividade ou investimento subvencionado, sendo suficiente a declaración responsable do representante de a ter feito.

DÉCIMO PRIMEIRA. PAGAMENTO
Para pagar a subvención terase en conta:

  • No caso de que se xustifique gasto polo 100% do orzamento subvencionado, aboarase a totalidade da subvención.
  • No caso de que se xustifique gasto inferior ó 100% aboarase a parte proporcional da subvención.

DÉCIMO SEGUNDA. INCUMPRIMENTO
Despois de vencer o prazo de xustificación sinalado na base 6ª ou, se é o caso, o establecido na prórroga, sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación xustificativa, o Servizo de Servizos Sociais e Promoción do Emprego requiriraa para que a presente no prazo improrrogable de 15 días.

A falta de presentación da documentación neste prazo suporá a perda da subvención e demais responsabilidades previstas na Lei xeral de subvencións.

As entidades beneficiarias desta convocatoria que renuncien á subvención unha vez concedida ou non presenten a súa xustificación nos prazos anteriormente citados serán penalizadas coa perda do dereito a presentarse na convocatoria do seguinte exercicio.

DÉCIMO TERCEIRA. DEVOLUCIÓN E REINTEGRO
As axudas concedidas deberán devolvelas ou reintegralas nos seguintes casos:

  1. Ó obtelas falseando as condicións requiridas
  2. Ó non as aplicar para os fins para os que foron concedidas
  3. Ó incumprir o beneficiario as obrigas asumidas e as condicións fixadas nestas bases

DÉCIMO CUARTA. ÓRGANO DE APROBACIÓN
De acordo co establecido na base 16.2 das de execución do orzamento para o ano 2013, e dando cumprimento ó establecido no artigo 18 da Lei xeral de subvencións, o órgano competente para a aprobación destas bases é a Xunta de Goberno.

DÉCIMO QUINTA. XURISDICIÓN APLICABLE
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que a ditou no prazo dun mes. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso administrativo, como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses. Contra esta resolución tamén poderá interpoñerse directamente o dito recurso contencioso-administrativo no prazo indicado. En todos os casos os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entende desestimado.

DÉCIMO SEXTA. DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nestas bases contemplarase o establecido nas de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2012 e na Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións e demais lexislación de desenvolvemento.

Pontevedra, 28 de xaneiro de 2013
O PRESIDENTE
O SECRETARIO

Boletín Oficial da Provincia, data 31/01/13, número 22, páxina 4, anuncio 2013000824.
INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 31/01/2013 15:19
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/