[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 25 DE NOVEMBRO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Taboleiro de anuncios » Cursos

Páxina [1] 2 3
CURSOS 

deputación de Pontevedra

DIAGNÓSTICOS COMERCIAIS E ASESORAMENTO INDIVIDUALIZADO EN VISUAL MERCHANDISING

bases | ANEXO I - Solicitude | Tríptico
anuncio | acta

bases

Convocatoria para a selección de comercios retallistas da provincia de Pontevedra interesados en participar no programa de diagnóstico e asesoramento individualizado en visual merchandising

1.- ANTECEDENTES
A Deputación de Pontevedra, a través da Área de Comercio, redactou no ano 2008 un documento de traballo denominado “Plan director de Comercio” onde se marcaban las liñas de traballo en esta área para os anos 2009-2012.

Entre os obxectivos previstos neste Plan Director atópase a liña estratéxica “Formación e cualificación no sector comercial” cuxa premisa é traballar pola profesionalización do movemento asociativo e dos xestores dos Centros Comerciais Abertos, así como dos profesionais que traballan á fronte dos comercios.

Para implementar este obxectivo, a Área de Comercio da Deputación de Pontevedra pon en marcha unha das actividades recollidas no mencionado Plan Director, que ten como fin a elaboración de diagnósticos comerciais e prestación de asesoramento individualizado aos comerciantes.

2.- OBXECTO
O obxecto da presente convocatoria é a selección de pequenos/as comerciantes da provincia, para ofrecerlles a oportunidade de recibir un asesoramento personalizado e presencial en Visual Merchandising adaptado ás necesidades concretas dos seus negocios.

O asesoramento pretende dotar aos responsables de 20 comercios da provincia de coñecementos e habilidades para poder proxectar un “punto de venda” mediante a análise do produto, formas de presentación, estudo da montaxe e a exposición das mercadorías. Tamén se tratan os principios fundamentais das estratexias do marketing e a súa aplicación.

En ningún caso, o obxecto estará relacionado co pagamento de prestacións económicas por parte da Deputación de Pontevedra aos comercios que concorran á presente convocatoria.

3.- DESTINATARIOS BENEFICIARIOS
Poderanse acoller a este programa todos os comerciantes retallistas que desenvolvan a súa actividade comercial na provincia de Pontevedra.

En concreto, atendendo ás seguintes características:

  • Antigüidade mínima de 8 ou máis anos.
  • Con 3 ou menos empregados por conta allea e/ou titular.
  • Asociados a algunha das asociacións/federacións de comerciantes da provincia.

O número total de comercios que poderán resultar beneficiarios da prestación do servizo será de 20 comercios retallistas da Provincia.

4.- INCOMPATIBILIDADES
No caso daqueles comercios que pertenzan a un mesmo titular, só se poderá presentar un deles; indicando na solicitude o nome do comercio.

5.- CARACTERÍSTICAS DO ASESORAMENTO
O asesoramento desenvolverase da seguinte forma:

Un técnico especialista na materia prestará asesoramento sobre visual merchandising “in situ” e individualizado para cada comercio seleccionado.

O Programa constará das seguintes FASES:

FASE 1
ELABORACIÓN DOS DIAGNÓSTICOS COMERCIAIS.- Primeira visita dos técnicos

  • Duración: 1 hora.
  • Contido:
    • Entrevista cos/cas xerentes/as e empregados do establecemento.
    • Reportaxe fotográfico e checklist para valoración da imaxe comercial.
    • Recomendacións de actuación que se desenvolverán na seguinte fase.
    • Proposta creativa para a zona da tenda onde a súa mellora sexa máis eficaz para a venda.

ASESORAMENTO E PROPOSTA DE ACTUACIÓN.- Segunda visita dos técnicos

  • Duración: 5 horas.
  • Contido:
    • Sesión práctica individualizada de 5 horas por comercio onde se explicará aos comerciantes como implantar as propostas de mellora e desenvolver un plan de actuación.
    • Formación ao comerciante para implantar as melloras considerables para o seu establecemento.

FASE 2
VISITA DE VERIFICACIÓN.- Levarase a cabo polo menos tres meses despois do asesoramento

  • Contido:
    • Nova visita con reportaxe fotográfico.
    • Verificación das pautas a través dun checklist propio.

O/s técnico/os responsable/s de levar a cabo o asesoramento poderán, en calquera momento, solicitar calquera tipo de información necesaria para o correcto desenvolvemento do programa, así como facer un seguimento da evolución das medidas a aplicar aos comercios beneficiarios do programa.

6.- DURACIÓN
O Programa nas presentes bases desenvolverase dentro do ano en curso, sendo a data límite de remate do mesmo o 31 de decembro de 2009.

7.- LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación de luns a venres en horario de 8:30 a 14:30 e de 17:00 a 19:00, no Rexistro da Sede de Vigo de luns a venres de 9:00 a 13:00 horas ou por calquera dos procedementos establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Se o último día de presentación de solicitudes coincidira en domingo ou festivo, prorrogarase o prazo ata o primeiro día hábil seguinte.

O dito prazo poderá ampliarse 5 días máis, no caso de que no prazo estipulado non se cubrisen as 20 prazas.

As inscricións deberán formularse mediante solicitude asinada polo representante legal de cada comercio, segundo o modelo oficial do Anexo 1.

Cada comercio só poderá presentar unha única solicitude para esta convocatoria. A inscrición nesta convocatoria implica a completa aceptación das súas bases.

8.- DOCUMENTACIÓN
Aos efectos establecidos no apartado 7, os beneficiarios deberán presentar xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

  • Fotocopia cotexada do CIF/ NIF do comercio
  • Fotocopia cotexada da licenza de apertura
  • Fotocopia cotexada das nóminas dos empregados do último mes en curso. (de ser o caso)
  • Documento que acredite estar asociado a algunha asociación/federación de comercio.

9.- CRITERIOS DE SELECCIÓN
A selección dos comercios retallistas farase por sorteo público ante o Secretario Xeral da Deputación provincial de Pontevedra, resultando beneficiarios 20 comercios que presenten a dita solicitude.

No caso, de que o número total de solicitudes presentadas, unha vez rematado o prazo de inscrición, sexa igual ou inferior a 20, eliminaríase a fase de sorteo, sendo as solicitudes presentadas as destinatarias do programa.

De darse o caso contrario, que estas sobrepasasen as 20, estableceríase unha lista de reserva de 5 comercios para os casos nos que os comercios seleccionados inicialmente se dean de baixa.

10.- EXECUCIÓN DO PLAN
Na medida do posible, os comercios seleccionados realizarán todas as actuacións recomendadas para a execución do plan de actuación. Non obstante e atendendo á situación particular de cada un dos beneficiarios, a esixencia da realización será proporcionada ás súas posibilidades.

En ningún caso, a Deputación de Pontevedra cubrirá total ou parcialmente os custos derivados das medidas establecidas no plan de actuación.

11.- PUBLICIDADE
Os comercios seleccionados que sexan beneficiarios do programa, deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do asesoramento obxecto da mesma, poñendo un cartel ou placa anunciador, nun lugar visible, coa inclusión da imaxe institucional da Deputación Provincial de Pontevedra.

Todos os comercios beneficiarios do programa deberán permitir á Deputación de Pontevedra, facer uso do material empregado no programa así como a documentación e o material audiovisual que se confeccione.

12.- ÓRGANO DE APROBACIÓN
O órgano competente para a aprobación das presentes bases é a Presidencia, de acordo coas bases aprobadas para a execución do orzamento de 2009.

13.- XURISDICIÓN APLICABLE
Contra estas bases e as resolucións administrativas que se adopten na súa execución poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao que se dicten. Entenderase desestimado se transcorre outro sen contestar; neste caso poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do Contencioso Administrativo como se prevé no art. 8 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa (tras modificación dada pola Lei 19/2003, de 23 de decembro) no prazo de dous meses. Así mesmo, contra as presentes bases tamén poderá interpoñerse directamente o dito recurso contencioso-administrativo no indicado prazo. En todos os casos, os prazos contaranse a partir do día seguinte á recepción da correspondente notificación ou da data na que o recurso de reposición se entenda desestimado.

14.- DEREITO SUPLETORIO
Para o non disposto nas presentes bases contemplarase o establecido nas bases de execución do orzamento xeral da Deputación de Pontevedra para o exercicio 2009 e lexislación de aplicación.

15.- ANEXOS
O modelo de solicitude referida nas bases será facilitada a través da páxina web: www.depo.es

Pontevedra, 25 de xuño de 2009
O PRESIDENTE
O SECRETARIO

Boletín Oficial da Provincia, data 01-07-2009, número 124, páxina 6, anuncio 2009007286.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 18/08/2009 11:12
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/