[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
LUNS, 21 DE AGOSTO DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Deputación de Pontevedra » Servizos » Cultura » Cultura

Páxina [1] 2 3 4
CULTURA 

deputacion de pontevedra

Certame de Artes Plásticas 2009

BASES | Solicitude
acta do xurado 1 | acta do xurado 2 | acta do xurado 3

BASES NOVOS VALORES 2009

A Xunta de Goberno desta Excma. Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 15 de abril de 2009, adoptou, entre outros o seguinte acordo:

A promoción de actividades culturais, en xeral, e a das manifestacións artísticas, en particular, é un dos trazos que máis e mellor significan ao longo da súa historia á Deputación de Pontevedra. En consonancia con esta tradición, que ten na concesión de axudas a novos creadores un dos seus capítulos de máis éxito, a Deputación convoca o Certame de Artes Plásticas Novos Valores 2009. Rexerase polas seguintes bases novos valores 2009

PRIMEIRA.— Poderán participar neste certame, sen límite de idade, todos os artistas (pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas, videocreadores, etc.) susceptibles de seren considerados novos valores, naturais ou residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, debendo, no último caso, acreditar documentalmente esa circunstancia. Quedan excluídos da convocatoria os artistas xa premiados nalgunha das anteriores edicións deste mesmo certame.

SEGUNDA.— As obras presentadas deberán ser orixinais, non admitíndose as que xa fosen expostas noutras mostras, individuais ou colectivas, ou figurasen noutros concursos. Só se aceptará unha obra por artista en cada especialidade. O seu peso non será superior ós 500 quilos e a súa máxima dimensión non superará os 2'00 m. No apartado de Audiovisuais, admitiranse obras unicamente en soporte CD ou DVD e en formato vídeo, non podendo exceder a duración da proxección de catro minutos. A exhibición dos traballos seleccionados neste ámbito farase mediante unha proxección continua de todas as obras desde un reprodutor de DVD a un monitor. Se algún autor desexase outro tipo de proxección, deberá achegar, tanto para a selección do xurado coma para a exhibición, os aparellos técnicos necesarios para poder efectuala, sempre adaptados ao lugar no que a obra se presente.

TERCEIRA.— As obras deben presentarse no novo edificio do Museo Provincial de Pontevedra , ben persoalmente, ben a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega. O prazo de recollida estenderase desde o día 26 de maio ata o 5 de xuño do ano en curso, de martes a venres e entre as 10:00 e as 13:00 horas. Xunto coa obra ou obras, os artistas entregarán, nun sobre pechado, unha fotocopia do seu DNI e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos. Este poderá ser recollido tanto no Servizo de Cultura da Deputación Provincial coma no Museo de Pontevedra. No momento da entrega os concursantes recibirán un recibo que a documente. A súa presentación será imprescindible para posteriormente retirar a obra.

CUARTA.— A Deputación de Pontevedra, como entidade organizadora do certame, custodiará as obras recibidas pero non se fará responsable de calquera clase de sinistro que se puidese producir durante o transporte, custodia, exposición e devolución das obras. Recoméndase por iso que as aseguren todas os seus remitentes.

QUINTA.— Correrán por conta dos concursantes os gastos de envío e devolución das obras, así como da póliza de seguro, de ser o caso. A súa retirada, conforme ós prazos que se sinalan na base oitava, deberá realizarse prioritariamente de maneira persoal . Se non se fai así será responsabilidade dos interesados xestionar directamente a devolución.

SEXTA.— As obras presentadas ó certame serán obxecto dunha primeira selección, coa que se conformará a exposición Novos Valores 2009, que estará aberta ó público no lugar que oportunamente se indique durante o mes de agosto.

SÉTIMA.— Todas as obras seleccionadas serán reproducidas no catálogo que se edite como complemento da exposición. Corresponderalles ós seus autores, non obstante, a xestión ou a obtención dos permisos necesarios para esa inserción gráfica.

OITAVA.— As obras non seleccionadas deberanas retirar os seus autores dentro dos dez días seguintes ó da difusión pública dos acordos do xurado. As seleccionadas, á súa vez, deberán ser recollidas, tamén polos seus autores, nos dez días seguintes ó último no que estivesen expostas. No caso contrario, entenderase que renuncian á súa propiedade, quedando a organización facultada para tomar as decisións que sobre elas estime oportunas.

NOVENA.— O xurado seleccionador será nomeado polo presidente da Deputación Provincial. A súa composición será a seguinte:

  • Presidente: O titular da Corporación provincial ou deputado no que delegue.
  • Vogais: O deputado-presidente da Comisión de Cultura. Cinco persoas de recoñecido prestixio e un representante do Departamento de Cultura da Deputación.
  • Secretario: O titular da Deputación ou funcionario no que delegue.

DÉCIMA.— Este mesmo xurado será o encargado de propoñer, de entre as obras inicialmente seleccionadas, a adxudicación ós seus autores de seis premios, por importe de “Seis mil (6.000) euros” brutos cada un, para ampliar os seus estudos artísticos. Un destes premios levará o nome específico de José Fernández López e deberá recaer, necesariamente, nunha obra pictórica. Corresponderalle a súa dotación a D. Manuel Fernández de Sousa Faro, fillo de tan egrexia personalidade.O importe destes premios será cargado na partida 09/451.451.481.01 do vixente orzamento provincial. A entrega dos premios farase efectiva, no transcurso dun acto público, no lugar e o día que no seu momento se indicarán.

UNDÉCIMA.— A concesión do premio será obxecto dun convenio entre o adxudicatario e a Deputación Provincial no que se concretará o seu emprego, aboándose o 50% do importe no momento de asinalo e o restante 50% á entrega da memoria, coa xustificación do investimento realizado e de dúas obras orixinais e asinadas.

DUODÉCIMA.— A participación neste certame leva implícita a aceptación plena destas bases. O xurado seleccionador, cuxas decisións serán inapelables, queda facultado, ademais, para interpretar e resolver as dúbidas que se puidesen presentar no transcurso das súas deliberacións.

DECIMOTERCEIRA.— En todo o non establecido nestas bases será de aplicación as bases de execución do orzamento provincial e demáis lexislación aplicable.

Pontevedra, 15 de Abril de 2009


Boletín Oficial da Provincia, data 21-04-2009, número 74, páxina 31, anuncio 2009004029.

Páxina Seguinte Páxina [1] 2 3 4

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 02/07/2009 10:46
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/