[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 31 DE XULLO DE 2010 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Webs temáticas » A Camelia 2007
Páxina 1 2 [3] 4
A CAMELIA 2007 

BASES DO XLIII CONCURSO-EXPOSICIÓN DA CAMELIA

  1. A Deputación de Pontevedra organiza o XLIII Concurso-Exposición da Camelia, que terá lugar os días 3 e 4 de marzo de 2007, no Pazo provincial.

    A Presidencia de Honra ocúpaa a súa Maxestade a raíña dona Sofía.

  2. Poderán concorrer todas as persoas interesadas na camelia, profesionais ou afeccionados, nacionais ou estranxeiros, persoas físicas ou xurídicas, sempre que realicen a súa inscrición segundo o previsto nestas bases.
  3. Poderán presentarse flores pertencentes a calquera especie e variedade de Camellia así como calquera híbrido destas.
  4. Establécense os seguintes premios:
    1. Premio Camelia de ouro para o concursante que presente o conxunto de variedades máis destacado en canto ó número e á calidade das flores. Quen reciba a Camelia de ouro non poderá optar ó resto dos premios previstos. O gañador deste premio será invitado a formar parte do xurado do concurso do ano seguinte, no que as súas flores terán un lugar destacado e en cuxo caso non poderá participar como concursante.
    2. Premio especial Antonio Odriozola, que se lle outorgará á flor individual máis destacada de todas as que optaran a este premio e que se exporán nunha mesa separada. Cada concursante poderá presentar un máximo de cinco variedades, representada cada unha delas por unha única flor. Será requisito imprescindible que estean perfectamente identificadas co nome da especie e o da variedade á que pertencen.
    3. Primeiro, segundo e terceiro premios ós mellores lotes de cada unha das modalidades seguintes:
      1. Camellia reticulata de calquera cor ou variegación
      2. Híbridos de Camellia
    4. Primeiro e segundo premios ós mellores lotes de cada unha das modalidades seguintes:
      1. Camellia japonica branca
      2. Camellia japonica rosada ou doutras cores
      3. Camellia japonica vermella
      4. Camellia japonica xaspeada ou variegada
      5. Outras especies de Camellia

      Os lotes que participen en calquera das modalidades indicadas nos apartados c y d deberán ser o máis homoxéneos posible e representativos da variedade á que pertenzan. Estarán formados por un mínimo de tres flores e un máximo de nove, agás o caso das camelias pertencentes a outras especies, que se poderán expoñer sen limitación de número. En caso de empate entre varios lotes o xurado manifestarase a favor daquel que teña as flores máis homoxéneas.

      Cada flor presentarase co seu talo, que levará polo menos unha folla. Non se poderán colocar follas de plantas diferentes.

    5. Primeiro e segundo premios á mellor presentación artística. Valorarase como tal o conxunto de flores e plantas de camelia acompañados ou non doutros obxectos e elementos decorativos que, a xuízo do xurado, se distingan pola súa colocación artística. Os conxuntos que opten ó premio da mellor presentación artística participarán unicamente nesta categoría. A organización proveraos dunha tarxeta para que se distingan claramente, co rótulo de “presentación artística”.
    6. Premio especial da Sociedade Española da Camelia ó concursante máis destacado entre os que participen por primeira vez no certame de Pontevedra, con independencia de que se presentase en calquera das outras sedes do concurso.
  5. Co obxecto de que os premios sexan distribuídos entre un maior número de concursantes, un mesmo concursante non poderá obter máis de dous premios.
  6. Co obxecto de facilitar o labor do xurado, a organización daralle a cada expositor no momento da súa presentación unha tarxeta co número de inscrición e outra por cada modalidade de premio na que participa. Ademais dunha etiqueta co seu nome, que deberá colocar unha vez concluído o traballo do xurado e despois de ler a acta de premiados.
  7. Co obxecto de facilitar que aqueles cultivadores que non desexen participar no concurso poidan de calquera modo amosar as súas flores, a organización habilitará unha mesa especial para eles. Neste caso serán válidas todas as observacións indicadas nas presentes bases, agás as relativas ó concurso propiamente dito e ós seus premios.
  8. As inscricións do concurso presentaranse no rexistro xeral da Deputación de Pontevedra, dende o día seguinte á aprobación das presentes bases e ata as 13.00 horas do luns 26 de febreiro de 2007, mediante o boletín de inscrición que se facilitará para este fin.

    Cada expositor deberá indicar no boletín de inscrición as modalidades desta convocatoria nas que desexa participar e o espazo que necesita para iso.

    Os concursantes presentarán os seus lotes de flores no Pazo provincial entre as 9.00 e as 13.00 horas do sábado 3 de marzo e poderán retiralos o domingo 4 de 20.00 a 22.00 h ou o luns 5, de 8.00 a 12.00 h.

  9. A asignación do lugar no que cada concursante e expositor deberán colocar os seus lotes establecerao a Comisión organizadora, en función da demanda e do espazo limitado do que se dispón. O plano coa indicación do lugar asignado a cada concursante expoñerase o xoves 1 de marzo no taboleiro de anuncios do Pazo provincial. Independentemente da vixilancia que haberá no recinto, os participantes deberán coidar dos obxectos de valor de calquera natureza que utilicen para a exposición das flores xa que a Deputación non se fará cargo das perdas que se poidan producir.
  10. A exposición inaugurarase o sábado 3 de marzo ás 19.00 h. A entrega de premios terá lugar o domingo 4 ás 12.00 horas.
  11. O xurado estará composto polos seguintes membros:
    • Presidente: o da Deputación de Pontevedra ou persoa en quen delegue.
    • Secretario: o da Deputación de Pontevedra ou funcionario en quen delegue.
    • Vogais:
      • Representante do Concello de Vigo
      • Representante do Concello de Vilagarcía de Arousa
      • Representante da Deputación de Pontevedra
      • Xefe do Servizo Agrario da Deputación de Pontevedra
      • Presidente da Sociedade Xaponesa da Camelia e director da Sociedade Internacional da Camelia para Xapón.
      • Viveirista de recoñecido prestixio mundial
      • Membro da Sociedade Española da Camelia
      • O expositor premiado coa Camelia de ouro na edición do ano anterior
  12. O xurado poderá declarar deserto/s algún/s dos premios e poderá conceder mencións especiais por conceptos non sinalados nas presentes bases. A súa decisión será inapelable.
  13. Polo simple feito de solicitaren a inscrición, os participantes declaran coñecer e aceptan integramente as bases do concurso e sométense ás decisións da organización e do xurado.
  14. O xurado queda facultado para interpretar as bases e resolver calquera incidencia que ó longo do proceso de convocatoria e resolución do concurso se puidese producir.

Páxina Seguinte Páxina 1 2 [3] 4

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 23/01/2007 15:38
Copyright © 2002-2010, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/