[Deputación Provincial de Pontevedra / Diputación Provincial de Pontevedra]
SÁBADO, 29 DE ABRIL DE 2017 Páxina de inicio Mapa de contidos Directorio de contacto Directorio telefónico Axudas á navegación
   Está en » depontevedra.es » Patrimonio Documental e Bibliográfico » Patrimonio Bibliográfico » Biblioteca

BIBLIOTECA 

Biblioteca

A colección da Biblioteca actuou inicialmente como soporte e apoio ás actividades da Administración provincial, ofrecendo o seu servicio a todas as áreas de traballo da Deputación Provincial, complementando especialmente o fondo documental do arquivo.

A biblioteca sitúase na Rúa Padre Amoedo, 1. 36002 da cidade de Pontevedra

Teléfonos: 986 844 604 - 986 844 363 Fax: 886 201 180

Enderezo electrónico biblioteca@depo.es.

En horario de 8:00 a 15:00 horas, de luns a venres, ofrécense os seguintes servizos:

Dispón dos servizos de iInformación e referencia, consulta en sala, préstamo a domicilio, reprografía, lector de CD-ROM, catálogo en liña, acceso directo á información e consulta a través de internet.

A actividade bibliotecaria da Deputación ten as súas orixes a mediados do século XIX, a través da estreita vinculación que durante un longo período da súa historia mantén coa biblioteca de Pontevedra, creada en 1833 ó amparo de dúas institucións educativas instaladas uns anos antes, o Instituto e a Escola Normal de Mestres.

En 1868 a Biblioteca provincial instálase no Instituto de segunda ensinanza, cunha dotación económica de 800 escudos e baixo a supervisión de Indalecio Armesto; só sete anos despois xorden as primeiras inquedanzas por declarala de carácter público. Estas culminan en 1884, coa redacción dun regulamento no que se define a biblioteca como un establecemento provincial baixo a inmediata dependencia da Deputación; é dotada dun bibliotecario (Varela de la Iglesia), un auxiliar e un porteiro, establecéndose un horario fixo.

Tras uns prósperos anos iniciais, no último lustro do século XIX a Deputación parece perder o control sobre a biblioteca, ata o punto de que, a comezos do século XX, a situación do local é ruinosa, determinándose o seu traslado ó pazo provincial en 1907.

Non se puido determinar con claridade en qué momento se desvincula a Deputación da Biblioteca de Pontevedra, aínda que todo apunta a que este cisma se produce a partir do traslado a Facenda no ano 1920.

En 1933 a Deputación ordena que se investigue se existiu unha biblioteca da propia institución, definitivamente, na sesión do 13 de setembro de 1941, acórdase facultar á Presidencia para adquirir os libros básicos para a formación dunha biblioteca no arquivo da Deputación.

Durante os primeiros anos o bibliotecario foi Villamil; tras a marcha deste a Madrid, en 1955, a biblioteca da Deputación encontrábase dispersa entre a biblioteca de Pontevedra, onde foran depositados parte dos seus fondos, e a propia Deputación, cunha parte de exemplares entremesturados entre o arquivo e oficinas.

Hai constancia de que na sesión extraordinaria do 24 de maio de 1959 se acorda “que se lleve a efecto el proyecto expuesto por el Sr. Suárez-Llanos pocos días antes de morir, de convertir en biblioteca popular el actual local del Archivo”. A nova biblioteca denominarase Biblioteca Suárez-Llanos.

Coa marcha de Villamil o abandono da biblioteca foi absoluto, o extravío de volumes aumentou ata chegar a 1977, ano no que se cobre novamente cun profesional técnico Miguel Pereira Figueroa a praza vacante. A partir daquela comézase un labor de agrupación dos escasos restos existentes, non chegando a reunir máis de douscentos volumes. Coa intención de refacer unha biblioteca propia adquiríronse os materiais necesarios e acondicionouse o local, non alcanzado un orzamento propio ata 1979.

A partir dos anos oitenta ciméntanse as bases do que é a actual Biblioteca, desenvolvéndose unha grande actividade tanto dende o punto de vista cuantitativo (adquisición de novos fondos, establecemento de intercambios bibliográficos con numerosas institucións) coma cualitativo (clasificación, catalogación e ordenación dos fondos). Así, a finais dos 90, a Biblioteca conta xa con preto de 15.000 volumes e cun catálogo manual dos fondos, elaborado segundo as normas ISBD e seguindo as Reglas de Catalogación do Ministerio de Cultura.

Na actualidade, os fondos ascenden a máis de 20.000 volumes e os esforzos encamíñanse cara ás novas tecnoloxías bibliotecarias, que xa fan posible a consulta de gran parte das referencias dispoñibles (a totalidade do fondo Galicia) a través do catálogo en liña.

INICIO | VOLVER ARRIBA Última modificación 29/10/2012 08:52
Copyright © 2002-2017, Deputación de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. | Aviso Legal
Pazo Deputación Provincial. Avda. Montero Ríos, s/n. - 36071 Pontevedra ES
Teléfono: +34 986 804100 - Fax: +34 986 804124
http://www.depontevedra.es/